Historia

A Granxa Gayoso Castro recibe o seu nome do avogado e xornalista Xosé Gayoso Castro, que foi o primeiro director do xornal El Progreso de Lugo, fundado en 1908, e vicepresidente da Deputación de Lugo na época da Guerra Civil. Probablemente Gayoso Castro promoveu este proxecto, aínda que a súa memoria ficou no pasado.

Durante a Ditadura a Granxa mantivo o espírito para o que foi concibida: fornecer de viandas ós centros dependentes da Deputación, procurando a autonomía e posibilitando a investigación na mellora da xenética do gando vacún. Nas súas orixes incluíanse na finca as seguintes instalacións: O Centro Residencial e Rehabilitador San Rafael, o Fogar Escola (orfanato), o Centro para Asistidos, o espazo natural da Lagoa de Caque, un viveiro forestal e unha sala de incubación avícola, ademais de instalacións agropecuarias capaces de albergar ata 500 reses. Nesta época introduce en Galicia as primeiras cabezas de gando frisón.

Trala creación e logo da primeira andadura, emprendeuse unha reestruturación interna para conquerir un aumento na produción de forraxes. Traballouse en prol de acadar o autofinaciamento, sen deixar de atender as necesidades dos gandeiros e agricultores de recursos xenéticos e de sementes. No ano 1975 a granxa Gayoso Castro traspasa as fronteiras e amosa con éxito na Feira Internacional de París varios exemplares de raza rubia galega.

A mediados dos anos oitenta constitúese o moderno Campus Universitario de Lugo. O sector primario, fundamental na economía provincial, atopa na Universidade un punto de apoio imprescindible. Constitúese unha ampla rede de titulacións específicas que garantirán a prosperidade do sector e a súa proxección de cara ó exterior. Ó abeiro dun convenio subscrito entre a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago, os alumnos da Facultade de Veterinaria, da Escola Politécnica Superior, da Facultade de Ciencias e da Escola de Maxisterio, desenvolveron na granxa Gayoso Castro os programas de prácticas esixidos polas súas respectivas titulacións. Alí tiñan á súa disposición os recursos tecnolóxicos necesarios para realizar investigacións en diversos eidos. No veterinario cómpre salientar os traballos de tese dedicados á mellora xenética da raza frisona e rubia galega, a reprodución artificial in vitro, transferencia embrionaria e cría selectiva, a recuperación de razas autóctonas (vaca rubia galega, vaca cachena, porco celta, galiña de Mos e ovella galega), os estudos epidemiolóxicos, sanidade animal e, finalmente, o manexo de explotacións agropecuarias. No eido agrícola destacamos os estudos sobre produtividade de especies forraxeiras, tanto para penso como para silo (millo, feo, raigrás, chícharo…), cultivo de especies forraxeiras con mínimo labor, a recuperación de variedades autóctonas de trigo (grandal e tremesiño), a experimentación con hortalizas, os viveiros de árbores, etc. Todos eles foron proxectos pioneiros.

Posteriormente, acometeuse unha reestruturación interna da Granxa para conseguir un incremento na produción propia de forraxes, tanto na cantidade como na calidade. Deste xeito, preténdese que a produción propia limite a dependencia dos subministros externos co conseguinte abaratamento dos custes. Trabállase para conseguir un autofinanciamento compatible co desenvolvemento de investigacións e coa atención preferente ás necesidades dos agricultores e gandeiros da provincia.

Xa nos anos 90 e nos albores do século XXI, a explotación Gayoso Castro acadou os meirandes recoñecementos, ano tras ano, ó dispoñer de numerosas vacas frisonas entre as de mellor calidade de España. Valoráronse oficialmente tanto as características morfolóxicas como as de produción leiteira. Este gando de primeira categoría utilizouse para comercializar embrións e seme, tanto a nivel nacional como no estranxeiro. Tamén se iniciou neste intre a colaboración co IES “Trapero Pardo”, de Castro de Ribeiras de Lea, para acoller as prácticas dos estudantes dos ciclos de FP de agricultura e gandería.

O mal das “vacas tolas” supuxo unha paréntese que obrigou a focalizar os esforzos en paliar os danos que este mal estaba ocasionando no sector. Nas memorias da Granxa do ano 2002 cítase textualmente: “A Excma. Diputación de Lugo, por medio da Granxa Gayoso Castro, foi a única de España que entregou de modo gratuíto exemplares e embrións de vacún a explotacións que foron afectadas pola EEB (Encefalopatía Esponxiforme Bovina) (concretamente 62 ejemplares de vacún e 80 embrións)”. EBB é o acrónimo da enfermidade Encefalopatía Esponxiforme Bovina, máis coñecida como “mal das vacas tolas”.

Co obxectivo de facilitar a mellora da gandería galega, cada vez máis solicitada, no ano 2004 incrementouse o número de vacas doadoras de embrións, co conseguinte esforzo investidor. Acódese a mercados nacionais e internacionais para adquirir exemplares cunha catalogación sobresaínte. Acádase o número máximo de vacas na explotación (206). Neste mesmo ano efectúase un sorteo de 155 embrións entre os gandeiros que participan nos cursos de formación. Tamén se proporcionan axudas ós labregos, coma o reparto gratuíto de 20.000 quilos de trigo grandal ó ano (cunha demanda en alza por parte das panificadoras), destinados á sementeira.

Desde 2007 ACRUGA subscribiu un convenio coa Deputación para seleccionar a raza Rubia Galega. O acordo consiste en que a asociación deposita na Granxa un número de xovencas. Máis adiante, xa criadas, son revendidas a outros gandeiros tanto de Galicia, da Península coma do extranxeiro, co que se favorece a expansión desta raza. No ano 2007 ACRUGA empezou con 50 cabezas e actualmente hai unhas 250 xovencas, levando vendidas máis de 200 e recuperadas outras 400 en só tres anos.

Outras 150 cabezas máis son de raza frisona para recría, produción de leite e doadoras de embrións, e pertencen á Deputación. Estes números son variables, dada a gran mobilidade de cabezas ó longo do ano.

Actualmente, en Gayoso Castro intégranse varias actividades salientables de tres sectores: gandeiro, agrícola e educativo. Entre as do sector gandeiro temos a de recuperación da raza rubia galega, mediante un acordo con ACRUGA (Asociación de Criadores de Rubia Galega). A Deputación, en acordo con esta sociedade, facilítalle as instalacións onde poder recuperar e recriar becerros e becerras destinados á recría. A Deputación de Lugo dispón, ademais, doutra explotación de vacas frisonas para recría, mellora xenética e produción de leite. En canto á agricultura, nas súas 300 hectáreas de terreo realízanse ensaios de cultivo de especies forraxeiras e de cereal e estudos sobre a súa viabilidade e rendemento. Dispoñen dun edificio acondicionado para a docencia onde, en convenio coa Universidade de Santiago-Lugo e o IES “Trapero Pardo”, impártense cursos de actualización para agricultores e gandeiros, e de especialización e prácticas para estudantes de materias relacionadas co sector.

Información sobre el documento

GRANXA GAYOSO CASTRO
Castro de Ribeiras de Lea - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 310 004
E-mail: granjagayoso@deputacionlugo.org