Iniciativas para a mellora do agro galego

A Granxa non pretende competir con outras instalacións privadas, senón colaborar naqueles aspectos máis complicados da produción gandeira. Ésta é a fundamentación coa que traballa o responsable de Agricultura e Gandería da Deputación de Lugo, Xosé María Arias. Hoxe en día o agro galego é deficitario principalmente en dous aspectos: terra e tamén man de obra.

En canto á man de obra, a Granxa permitirá aforrar traballo a moitos gandeiros coa recría do gando. Ademais os gandeiros contarán cunha opción barata, sen ter a necesidade de saír de Galicia. Fomentarase o emprego local e a incorporación da xente nova ó campo.

En canto ós problemas de escaseza de superficie cultivable, Xosé María considera urxente constituír bancos de terras que permitan medrar ás explotacións gandeiras. Tal como está o agro galego, explica, existen moitos atrancos para ser competitivos no mercado. O prezo do litro de leite parece consolidarse nuns 30 céntimos e, sabendo que en 2015 desaparecerán as cotas, a súa rendibilidade está ameazada. Estamos perdendo a titularidade das industrias transformadoras e a carne desvalorizouse a pesar do grande esforzo que supón a cría de gando de calidade. Estes males débense en gran medida a que, paradoxicamente, Galicia necesita máis terras para manter explotacións con máis animais.

Para paliar o deterioro agrario e impulsar a economía rural existen dúas posibilidades: as concentracións parcelarias e os bancos de terras, xestionados por sociedades agrarias. A filosofía das concentracións parcelarias viuse truncada polo destino que se lle deu ás leiras a nivel particular. Ó longo de trinta anos, as institucións públicas permitiron que as custosas concentracións parcelarias (financiadas con cartos europeos), tivesen como finalidade a plantación de árbores coma piñeiros ou eucaliptos nas parcelas máis fértiles. A normativa europea de subvencións ó campo indica con claridade que as concentracións débense destinar á mellora da produción agraria, e isto non parece estar en liña coa plantación de árbores e o abandono do agro.

Por outra banda, os bancos de terras non teñen aínda calado suficiente na poboación. Aínda non se conseguíu que a xente poña a disposición da comunidade as terras baldías. É difícil asumir acordos entre os gandeiros e os propietarios das terras, porque non hai un prezo por aluguer atractivo para ambas partes.

O responsable de Agricultura da Deputación connsidera que deberían deseñarse leis que obrigaran a un compromiso mutuo, tanto de renda como de coidado da propiedade, de xeito que todos poidan beneficiarse. A administración debe manifestar o valor pedagóxico da súa tutela sobre o agro galego.

Outros atrancos para o desenvolvemento dos bancos de terras, tanto de iniciativa pública coma privada, son o minifundio, a dispersión da poboación rural e o envellecemento. Ó promover un agro cunha economía máis atractiva, evitaríase o desánimo dos agricultores e gandeiros, e, en consecuencia, o éxodo de poboación cara ás cidades. Necesitamos políticas de regulación máis esixentes con aqueles que abandonan o agro, e debemos conceder subvencións de alta trazabilidade para financiar os bancos de terras.

Cómpre ampliar as medidas de promoción dos produtos galegos no exterior, como a marca “Ternera Gallega”, e as iniciativas con selo de calidade, con denominación de orixe ou con carácter de alimento ecolóxico. Mediante estes distintivos poderemos facer viables pequenos proxectos agrarios que, doutra forma, non subsistirían.

En 2009 Galicia foi líder nacional en número de explotacións gandeiras, con case 54.000, e figura no segundo lugar en censo de reses, con 940.000, cifra só superada por Castela e León, con 1.245.000 reses. Lugo é a provincia galega con maior número de vacas (440.000), seguida da Coruña (339.000), Pontevedra (102.000), e Ourense (58.000).

Información sobre el documento

GRANXA GAYOSO CASTRO
Castro de Ribeiras de Lea - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 310 004
E-mail: granjagayoso@deputacionlugo.org